Meteograma para O Barco de Valdeorras +48h

jueves, 8 de enero de 2009

Resumen MeteoGalicia Mes de Diciembre 2008

Mes seco e frío, con episodios de nevadas en cotas baixas
O mes de Decembro tivo dúas partes diferenciadas. Na primeira quincena o tempo foi
moi inestable, con sucesivas entradas de frontes cálidas e frías, que deixaron ceos con
moita nubosidade e chuvias xeneralizadas. A partir do 18 as altas presións deixaron
tempo estable e a chuvia soamente volveu nos derradeiros 4 días do mes. As frontes da
primeira quincena chegaron predominantemente dende o norte, acompañadas de aire
frío, polo que as temperaturas resultaron en xeral baixas, comparadas coa media dos
anteriores Decembros.
O mes comezou con altas presións sobre os Azores, pero baixas na latitude de Irlanda,
con frontes asociadas, que foron deixando chuvias. Destacan pola súa actividade as
frontes do 3, 6 e 7, cando as chuvias foron xeneralizadas e intensas en toda Galicia. A
partir do día 10 as altas presións movéronse cara o norte, e se formaron baixas presións
obre Centroeuropa, configurando un corredor para a chegada dende o norte de aire polar
marítimo. A chegada desta masa de aire deixou 4 xornadas de frío e neve en cotas por
riba dos 500 metros, con nevaradas intensas en moitos puntos de Galicia. As xornadas
de máis neve foron ás do 13 e 14. A partir do día 16 as altas presións situáronse ó norte
da Península Ibérica, deixando 10 xornadas de tempo seco e moi estable. Esta
estabilidade atmosférica fixo que as temperaturas descendesen moi rápidamente durante
as madrugadas, dándose o fenómeno da inversión térmica, é dicir, dado que o aire frío
pesa máis, as temperaturas máis baixas déronse no interior, nas zonas de vales,
destacando as xeadas que se formaron nas xornadas do 24, 25 e 26 con temperaturas
mínimas de ata 6 graos baixo cero en puntos do Deza, interior de Lugo e Ourense.
Finalmente, a partir do 27 as altas presións deron lugar á formación dunha baixa, que se
situou sobre o Atlántico, entre os Azores e Fisterra, enviando masas de aire máis
tempadas, pero con máis humidade e algunhas chuvias.

Temperatura: En media os termómetros situáronse en toda Galicia por debaixo da
media, debido á frecuente entrada de aire frío nos primeiros 15 días e á chegada do
anticiclón invernal entre o 17 e o 27, que deixou xeadas moi intensas, e termómetros en
xeral por debaixo dos 10ºC durante o día.

Chuvia: As chuvias foron normais soamente no norte de Lugo e A Coruña, por mor da
chegada de frontes dende o norte. No resto de Galicia o mes pódese considerar seco,
debido a que o aire frío non ten capacidade para conter moita humidade, e polo tanto as
chuvias con aire frío non son tan intensas. Ademais a segunda quincena do mes estivo
dominada polo anticiclón e foi polo tanto moi seca.
Precipitación acumulada Decembro 2008.
Fuente: www.Meteogalicia.es

No hay comentarios: